Deteñen un home por roubar no interior dunha vintena de coches en Santiago e arredores

O home, residente en Vigo, cometeu un total de vinte e dous delitos de roubo nos termos municipais de Ames, Teo, Boqueixón e Santiago de Compostela

G24.gal 22/11/2023 10:40 Última actualización 22/11/2023 14:56

Actuaba sempre de noite e en garaxes comunitarios. Escollía ben os obxectivos e, segundo o tenente da Garda Civil que levou o caso, o presunto ladrón buscaba só cartos en efectivo.

"Dentro do mesmo garaxe non actuaba en moitos vehículos, dous como máximo, e marchaba a outros para facer o mesmo", di o tenente González Rey, quen explica que o presunto ladrón utilizaba un obxecto contundente contra as fiestras laterais dos vehículos aparcados nos garaxes.

As investigacións revelaron que o detido accedía dende os portais aos vehículos estacionados nos garaxes comunitarios. Ademais engaden que os incidentes ocorrían exclusivamente durante horas nocturnas.

E así deu ata 22 golpes, en maio e en agosto: oito coches asaltados en Ames, outros oito en Teo, un en Santiago e cinco en Boqueixón. Verónica López, veciña de Cacheiras, puido ser unha das súas vítimas: conta que en maio denunciaron varios roubos no seu garaxe co mesmo modus operandi. "O cristal estaba roto, non roubaran nada pero estaba todo revolto -explica- creo que foron dous ou tres coches, e máis abaixo algún máis".

O máis curioso é que o presunto autor dos roubos viaxaba en transporte público, de aí o nome de operación Pasaxeiro. "Viña de Vigo e viaxaba maioritariamente autobuses, porque así é difícil o seu seguimento: en transporte público non tes que dar datos", explica o tenente González.

Axentes da Garda Civil do Milladoiro detiveron o presunto autor dos roubos en Vigo. O home tiña un amplo historial de antecedentes. Aínda poden ampliarse os cargos contra el, porque a operación segue aberta: "Podemos chegar a resolver entre 80 e cen casos máis de roubos en vehículos en distintas localidades de Galicia", afirma González. 

O detido xa pasou a disposición xudicial e quedou en liberdade á espera de xuízo. Leva o caso o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade