Desconvocada a folga de Renfe deste venres

A mobilización suspendeuse tras chegaren a un acordo os sindicatos co Ministerio de Transportes

G24.gal 23/11/2023 18:45 Última actualización 23/11/2023 20:09

Os sindicatos desconvocaron a folga en Renfe e no Adif que debía empezar este venres e pola que se ían suspender uns 1.550 trens no conxunto de España. En Galicia ían ser 38 os trens afectados. 

Á mobilización estaban chamados uns 15.000 traballadores. Finalmente a folga suspendeuse tras alcanzaren un acordo os sindicatos co Ministerio de Transportes.

Segundo fontes sindicais, o ministerio garante a integridade das dúas empresas, o mantemento do persoal e que as xestións para o traspaso a Cataluña de Rodalies e para dar entrada a unha compañía privada en Renfe Mercadorías serán levadas a cabo por persoal da compañía pública.

En calquera caso, os sindicatos advirten de que se manterán vixiantes para garantir que se cumpre todo o acordado e aseguran que, de non ser así, volverán convocar novas xornadas de folga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade