Desactivado o aviso amarelo por chuvia no interior da provincia de Pontevedra

Rexistraronse 70 l/m2 en varios puntos e temperaturas de ata 19 graos

G24.gal 07/12/2023 20:34 Última actualización 07/12/2023 21:06

O día comezaba con moita auga en boa parte de Galicia. Despois dunha noite de chuvia e vento, as intensas precipitacións facían difícil as tarefas cotiás. En Bueu, onde superaron os 70 litros por metro cadrado en poucas horas, o negocio estrela do mercado era o do vendedor de paraugas.

"Un día terrible, moi malo, con moito vento e moita chuvia", comentaban os veciños.

Foi nas provincias atlánticas onde máis choveu. Os rexistros de acumulados deixaron de subir contra o mediodía e as seis da tarde xa se levantou o aviso amarelo por chuvia activado no interior da provincia de Pontevedra. Con todo, aínda caeron bategadas fortes en moitos puntos que causaron pequenas inundacións e balsas de auga nas estradas como esta na vía vella entre Santiago e o aeroporto.

Un día desapracible que, en plena ponte da Constitución, sorprendeu os turistas que andaban pola terra, pero non foi suficiente para amolarlles os plans. Sobre todo ao amainar xa pola tarde.

"Chove moito, pero collemos os impermeables e os paraugas e fixemos todo o que tiñamos pensado", contaba unha turista en Combarro.

"Choveu pola noite moito, pero puidemos facer turismo todo o día. E cunha temperatura moi agradable", explicaba outra.

Porque a pesar da chuvia o tempo está anormalmente caloroso para o mes de decembro. As temperaturas máximas na franxa costeira andaron polos 15 graos e nalgúns puntos mesmo rozaron os 19. E as precipitacións das últimas horas manteñen os caudal dos ríos tamén en máximos pero sen perigo de rebordar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade