Cristina Dexeus: "A última finalidade da lei de amnistía é conseguir os sete votos de Junts"

A presidenta da Asociación de Fiscais confía en que a Comisión Europea actúe porque di que a norma non cumpre os estándares democráticos europeos

A asociación maioritaria considera a lei inconstitucional porque vulnera os principios de separación de poderes e a independencia xudicial

Cristina Dexeus, presidenta da Asociación de Fiscais (Imaxe: AF)
G24.gal 15/11/2023 10:21

A Asociación de Fiscais, maioritaria na carreira, pídelle á Comisión Europea que actúe para evitar que a lei de amnistía saia adiante ou, en caso de que se aprobe, estudar a apertura dun proceso sancionador a España.

Acaban de remitirlle unha carta á vicepresidenta da Comisión e ao comisario de Xustiza en que advirten de que a norma non cumpre os estándares democráticos europeos.

Segundo asegurou a presidenta desta asociación, Cristina Dexeus, nunha entrevista na Radio Galega, "a Comisión pode facer forza e presión para que a lei sexa retirada ou revisada, e pode facer presión á hora de entregar fondos a España ou revisar o cumprimento dos que xa foron entregados".

Para Cristina Dexeus a norma ten como última finalidade "conseguir os sete votos de Junts". É, segundo dixo, "unha conveniencia partidista, particular e política", que non busca a convivencia en Cataluña como di o preámbulo da lei.

Lembra Dexeus que o Goberno de Sánchez xa lles ofreceu anteriormente aos independentistas cataláns os indultos ou a modificación do Código Penal coa eliminación do delito de sedición e a rebaixa do de malversación.  

Desde a Asociación de Fiscais entenden tamén que a lei de amnistía rexistrada no Congreso é inconstitucional. Lembran que cando se elaborou a Carta Magna se rexeitou a figura da amnistía porque se entendeu que non tiña cabida nun réxime democrático e que supoñía unha inxerencia inaceptable na función dos xuíces. A amnistía "é contraria ao principio de separación de poderes porque impide ao poder xudicial axuizar os feitos delitivos".

Dexeus apunta tamén que supón "un ataque ao principio de seguridade xurídica porque non pode delimitarse o seu ámbito con nitidez desde a pluralidade de delitos e de presupostos de feito que son obxecto de investigación".

E engade que "ataca frontalmente o principio de igualdade dos españois porque o delito de malversación, de desordes públicas... non desaparece do Código Penal e só aqueles que aleguen que o fixeron en defensa da independencia de Cataluña verán esquecido o feito delitivo e as súas consecuencias". 

A presidenta da Asociación de Fiscais agarda que o fiscal xeral do estado se pronuncie sobre a lei de amnistía e saia en defensa da xustiza. "Os condenados ou procesados no marco do procés non foron perseguidos polas súas ideas, senón por cometer delitos consagrados no Código Penal. Non é a xustiza a que entrou no procés, senón ao contrario", conclúe. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade