Colas nas axencias de viaxes para contratar as viaxes do Imserso

A maioría das prazas esgotáronse onte, entre os usuarios preferentes 

Houbo queixas dos acreditados que tentaron reservar por Internet

G24.gal 27/10/2023 14:25

Agardan desde ben cedo á porta da axencia coa esperanza de lograr un oco nalgún destino subvencionado polo Imserso.

"Eu quero Mallorca ou Lanzarote, a Benidorm xa fun".

"Mellor a Marbella ou Alacant".

"Onde haxa sitio, tanto me dá".

"Eu ás illas, pero está difícil, xa empezaron a vender as viaxes onte", comentan na ringleira.

Onte, os que teñen preferencia por renda ou idade, fixéronse coa inmensa maioría das prazas. E hoxe, en 5 minutos acabouse co que quedaba.

"As nove e cinco da mañá ningún dos acreditados hoxe tiña xa destino, non había prazas", comenta Rosa Cereijo, de Nautalia Viajes.

"É unha vergoña, non hai sitio en ningures, está todo aos topes", di unha das solicitantes.

Queixas tamén entre os que tentaron facer as reservas a través de Internet.

"Ás nove da mañá a páxina estaba colgada, cada cuarto de hora quedaba desbloqueada e logo volvía fallar", comenta unha muller.

Resignados, moitos tentaron coller un oco nas listas de espera.

"Estamos moi saturados neste momento, só logramos colocar xente na lista de espera. Pero as listas móvense bastante", di José Manuel Rivas, da axencia B Travel.

 "Hai catro millóns de persoas acreditadas en toda España, e hai 880.000 prazas para viaxar, co cal...", comenta Rosa Cereijo, de Nautalia Viajes.

Co cal, moitos quedarán coa gana e seguirán probando sorte para o ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar