Cataluña reclama un "financiamento singular"

A Generalitat proporá xestionar todos os impostos recadados na comunidade autónoma

Aragonès advirte que a lexislatura "avanzará conforme avancen os acordos"

Antón Montero 23/11/2023 19:33 Última actualización 23/11/2023 20:14

A Generalitat quere que o novo Goberno se poña xa a traballar nos compromisos de investidura. Nomeou un comisionado para xestionar o traspaso das Rodalies e prepara unha proposta de financiamento singular para Cataluña.

Pere Aragonès, presidente da Generalitat, explicou que o obxectivo é "que permita que Cataluña teña un modelo propio no que será a Generalitat de Cataluña quen vai recadar e xestionar todos os impostos que pagan os cataláns".

Aragonès advirte que van ser esixentes na reclamación do acordado: "A lexislatura, para o Goberno español, vai avanzar conforme avancen os acordos".

De momento, o que puxo en marcha o executivo central é o mecanismo para aprobar canto antes uns novos orzamentos.

María Jesús Montero, vicepresidenta cuarta e ministra de Facenda, quere acelerar os traballos: "Para que no primeiro trimestre do ano que vén poidamos contar xa cunhas contas aprobadas".

E iso implica que toca volver negociar, como lembrou o presidente do PNV Andoni Ortuzar: "O lóxico é que lle deamos o principal instrumento que ten un goberno, que son os presupostos, pero os presupostos hai que negocialos".

Pero antes de detallar as contas, o Goberno ten que aprobar o teito de gasto e os obxectivos de déficit, un trámite que precisa da autorización dun Senado controlado polo PP.

No PSOE, advirten contra a tentación dos vetos. Patxi López, voceiro socialista no Congreso, lembrou: "Vetar os obxectivos de estabilidade é impedir que os concellos de España ou as comunidades autónomas fagan os seus propios presupostos".

O PP estrea control do Goberno reclamando a comparecencia do ministro Bolaños por ratificar o fiscal xeral do Estado o mesmo día en que o Supremo anulaba o ascenso da súa antecesora Dolores Delgado.

Cuca Gamarra, secretaria xeral dos populares dixo: "Xa sabemos que o sanchismo é outra cousa. No sanchismo é un mérito ser condenado por desviación de poder".

O PP lamentou a tardanza da primeira comparecencia do presidente no Congreso, prevista para o 20 de decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar