Benítez: "Teño moita rabia, os episodios de mala sorte teñen que equilibrarse dunha vez"

Rafa Benítez foi entrevistado onte á noite no programa El Larguero

O proxecto, as orixes da súa muller e a relación contractual foron os principais motivos para rexeitar outras 20 propostas

G24.gal 22/11/2023 11:34 Última actualización 22/11/2023 11:39

Rafa Benítez foi entrevistado onte á noite no programa El Larguero. O adestrador do Celta está a vivir un inicio moi complicado á fronte dos galegos no que é o seu regreso aos bancos de LaLiga.

O madrileño non dubidou en elixir un proxecto en pleno apoxeo pola celebración do Centenario como é o do Celta de Vigo para "tentar non sufrir ata a última xornada" e "ter unha tempada máis tranquila".

Así o afirmou el mesmo ao comezo da entrevista cando debulla os puntos que máis lle atraeron para elixir Vigo como o seu próximo desafío nos bancos. O proxecto, as orixes da súa muller e a relación contractual que o vincula co conxunto olívico durante tres anos nun reto a medio prazo, foron os principais motivos para rexeitar outras 20 propostas e decantarse pola cidade galega.

A tempada está a ser moi complicada para o Celta. Entre malos resultados e polémicas arbitrais, os galegos sitúanse na 18ª posición na táboa ligueira e ocupan postos de descenso desde as primeiras xornadas con tan só unha vitoria 13 partidos e sen saber o que é gañar en Balaídos diante da súa xente.

Unha serie que "ocupa" máis que preocupa o adestrador madrileño, que, iso si, mostra a súa rabia ante as continuas situacións adversas debido a motivacións arbitrais que decantan a moeda sempre cruz para os celtistas.

"Estou ocupado, teño moita rabia. Nos últimos partidos déronse acontecementos e estamos a falar de 9 puntos. Non só erros individuais senón de xente externa. Eses episodios de mala sorte teñen que equilibrarse dalgunha forma", prevé Benítez.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar