As axencias de viaxes pechan o ano cun aumento nas vendas, case en cifras prepandemia

A Asociación Galega de Axencias de Viaxes calcula que case un 90 por cento dos asociados recuperou a actividade de antes da pandemia

A campaña de Nadal prevese boa, cos destinos de sol como protagonistas

G24.gal 08/12/2023 11:45

Este ano Galicia bate marcas de visitantes que chegan, e tamén parece que se animou o mercado para que os de aquí marchen de viaxe. A Asociación Galega de Axencias de Viaxes calcula que falta pouco para recuperar a actividade de antes da pandemia.

"A maioría das axencias, diría que preto do 90 por cento, chegamos a niveis de prepandemia, de 2019", afirma Juan Antonio Rivadulla, presidente da Agavi. Di que foi un ano bo para o turismo porque houbo "moita xente, moi boas vendas, moi longos os períodos e estivo máis desestacionalizado".

En Agavi din que notan unha volta ás axencias dende a pandemia, polas garantías que ofrecen. Este ano aumentaron o número de clientes, e iso que a demanda caeu un pouco -din- polo encarecemento das viaxes. 

"Os prezos incrementaron un 15 ou 20 %", di Rivadulla. "Encareceron tanto os paquetes turísticos como as estancias en hoteis ou billetes de avión, e iso freou un pouco a demanda", engade.

Con todo, a ponte de decembro funcionou ben, e a campaña de Nadal prevese boa. "Cada vez funciona mellor, cada vez hai máis xente que quere viaxar nunhas datas moi sinaladas, que antes non viaxaba", explica.

Se falamos do mercado galego, ten claros os destinos favoritos porque "os galegos sempre buscamos sol", di Rivadulla. Así que o sur da Península, as Canarias e incluso o Caribe son dos destinos máis demandados en decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade