Aparecen en Bueu bloques de restos vexetais que poden ter orixe milenios atrás

Os temporais arrastraron á praia da Mourisca restos que poden datar do Plistoceno

Din os expertos que é un fenómeno relativamente frecuente cando hai moita mar de fondo

Os bloques
G24.gal 16/11/2023 14:02

Son bloques escuros e compactos, cunha composición que pode adiviñarse orgánica. Algúns son claros restos de madeira e outros desfanse ao tocalos. Quedaron espallados pola area da Mourisca, en Bueu, despois dunhas semanas de temporais.

Xa non é a primeira vez que os ven, pero chaman a atención dos veciños. "Hai dous anos tamén os vin" di un veciño, que non sabe determinar exactamente do que se trata. ""Eu que sei!, paréceme madeira, árbores que veñen do fondo do mar".

Pero o caso xa non é saber de onde veñen, senón de cando. Porque parece que poden ser restos da vexetación que había aquí no Plistoceno, cando a ría de Pontevedra era un val.

"Hai 18.000 ou 20.000 anos, o nivel do mar podía estar arredor de 120 metros por baixo do actual" explica Antonio Martínez, catedrático de Edafoloxía na USC. "Iso supón -continúa- que unha gran cantidade do espazo que hoxe está baixo mar sería zona continental, onde habería especies vexetais vivindo".

As analíticas determinarán que especies son e de cando, pero unha primeira avaliación xa dá datos. Hai bloques de turba que se formarían nunha antiga zona de braña, e restos de madeira das árbores de ribeira. 

"Se isto é do último máximo glaciar, de hai 15-20.000 anos, aquí debiamos atopar pole de especies que hoxe serían características de zonas moi frías", explica Martínez Cortizas. Tamén pode haber restos de insectos ou de fungos, que permiten "achegarnos a que tipo de ambiente había" naquel momento. 

Conserváronse sepultados pola auga e agora, cada vez que un temporal os volve ao presente, permite coñecer algo máis de como era a vida aquí hai cousa de vinte mil anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos