OPINIÓN

Amancio Ortega encabeza a lista Forbes por décimo ano consecutivo, por María Cadaval

G24.gal 07/11/2023 08:01

A lista anual de millonarios que publica a revista estadounidense Forbes ofrece poucas sorpresas, malia que o ano 2023 marca un fito, por décimo ano consecutivo: o fundador e principal accionista de Inditex Amancio Ortega lidera a lista das cen persoas españolas máis ricas, cun patrimonio de 81.800 millóns de euros, un 53 % máis en comparación co ano anterior.

O desempeño da actividade de Inditex permitiu a recuperación do valor das accións, que caera no ano 2022 un 20 % con respecto ao ano anterior, debido á menor capitalización bolsista. Así, en 2023, o seu patrimonio supera en máis do dobre a suma das fortunas do resto dos dez primeiros postos na lista Forbes en España.

As outras 99 persoas máis ricas de España tiveron tamén un ano excepcional, acumulando un total de 114.330 millóns de euros, o cal supón un incremento do 26 % en comparación co 2022. Isto significa que, de media, estas fortunas xeran arredor de 83 millóns de euros ao día. Cen fortunas que acadan un total de 196.130 millóns de euros tras un incremento patrimonial do 37 %. Nesta edición, o limiar para ser incluído entre as cen maiores fortunas españolas aumentou dende os 250 millóns de euros do ano 2022 ata os 349 millóns de euros, un 27 % mais.

O “top 5” das fortunas en España complétase con Sandra Ortega no segundo posto con 7.100 millóns de euros. Rafael del Pino Calvo-Sotelo, presidente e máximo accionista de Ferrovial, Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, e Juan Roig, dono de Mercadona, tamén ocupan lugares destacados na lista. Estas cinco persoas acaparan o 48 % do total da riqueza incluída neste ranking, 102.700 millóns de euros.

Se se avanza até o top 20 pódense atopar irmáns e fillos destas cinco maiores fortunas, o que dá conta da elevada concentración de riqueza. Un dato como mostra: o 0.000001 % da poboación atesoura a mesma riqueza que 20 millóns de españois, ou, o que é o mesmo, o 20 % de toda a riqueza nacional está en mans de cen persoas, mentres o 80 % restante se reparte entre 47 millóns.

Desta constatación poden tirarse varias conclusións:

1) A desigualdade aumenta.

2) As posibilidades de mobilidade social diminúen.

3) No top 5 das persoas mais ricas do país coinciden as mesmas do ano pasado e do anterior e do anterior... o que dá mostra do chan e teitos pegañentos que tanto a pobreza como a riqueza xeran neste país.

4) Na lista ponse de manifesto unha diminución da presenza de mulleres entre as máis ricas de España, con só 33 representantes en comparación coas 41 do ano anterior. Un 20 % menos é un cambio significativo en comparación coa case igualdade que se observara no ano 2022.

No eido impositivo, obsérvase que os 196.000 millóns de patrimonio xeran unha recadación que apenas chega ao 1 % dese monto. Recadáronse preto de 1.300 millóns de euros do Imposto de Patrimonio e algo mais de 600 a través do imposto extraordinario ás grandes fortunas. Unha tributación que, tarde ou cedo, haberá que revisar.

Máis da metade das grandes fortunas residen en Madrid (28) e Barcelona (29) e acumulan unha riqueza de 26.102 millóns de euros. Sen embargo, é Galicia a terceira comunidade autónoma con máis fortunas (9), aínda que o “efecto Ortega” coloca a Galicia como a comunidade autónoma que máis achega á lista, un total de 96.750 millóns de euros sobre un total de 196.130 millóns.

Os patrimonios mais altos medran especialmente en época de crise.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade