A Xunta destinará tres millóns en 2024 a manter o cento de casas niño que hai en Galicia

Rueda fixo o anuncio na visita á casa niño número 100, que está en Vilarmaior

G24.gal 22/11/2023 16:10

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que destinará tres millóns de euros en 2024 a manter o cento de casas niño que existen en Galicia e ampliar esta oferta.

Rueda visitou este mércores en Vilarmaior a casa niño número 100 financiada pola Xunta e lembrou que é “un modelo que funciona perfectamente e axuda a fixar poboación no rural”.

O proxecto, que se iniciou en 2016, baséase nun modelo de casas niño con cinco nenos e nenas de 0 a 3 anos como máximo e está adaptado ás necesidades reais dos municipios do rural, onde non resultan viables as alternativas tradicionais de atención á primeira infancia.

Alfonso Rueda expuxo na súa intervención as vantaxes que teñen estas instalacións, que axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos así máis atractivos, ademais de xerar postos de traballo.

O presidente da Xunta explicou que o obxectivo é que “a xente quede a vivir nos concellos do rural”, para o que fai falta apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade