OPINIÓN

A produción industrial decrece este setembro, por María Loureiro

G24.gal 22/11/2023 08:22

O Índice Xeral de Produción Industrial baixou un 4,1 % interanual o pasado mes de setembro para o conxunto español, unha taxa catro décimas inferior á de agosto, segundo informou este martes o Instituto Nacional de Estatística. No caso galego, esta caída foi do 4,5 % interanual, un retroceso máis acusado que na media nacional. Coa caída de setembro, a produción industrial encadea catro meses de taxas interanuais negativas, tanto no plano autonómico como no nacional.

No contexto español, a produción industrial cae en todas as comunidades autónomas, excepto Canarias e Castela León, con incrementos do 2,6 e do 0,2 %, mentres que os descensos máis acusados foron nas Baleares (-13,5 %) e na Rioxa (-11,3 %).

Por ramas de actividade, no total español a produción que máis baixou foi a de confección de pezas de vestir (-39,4 %) e a fabricación de bebidas (-19,9 %), tamén a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (-12,9 %). Pola contra, as actividades que aumentaron a súa produción foron as industrias extractivas (34,9 %).

No caso galego, a panorámica tamén é parecida. Dentro das distintas ramas industriais, o descenso é destacado na produción de roupa de vestir, con 5,3 puntos e a produción de produtos metálicos, que resta un punto.

En termos de comparativa mensual, setembro con respecto ao mes previo, vemos, como cabía esperar, un aumento da devandita produción industrial no mes de setembro do 1,1 %, despois da época estival. Con respecto a agosto, aumentou a produción de tabaco (17 %), produtos farmacéuticos (12,7 %) e siderúrxicos (12,4 %), mentres que decreceu a actividade do sector téxtil (18,6%) e subministración de bebidas (3,3 %).

E cales son as causas desta caída do IPI?

Os motivos desta caída do IPI poden ser diversos, incluída a caída das exportacións e a desaceleración das economías da eurozona, caída da demanda interna, obsolescencia de procesos e outros varios. Polo tanto, os datos do INE e do IGE indican, definitivamente, que existe unha desaceleración da demanda final. En particular, no caso galego, obsérvase que a produción de bens de consumo (comida, roupa, electrodomésticos) caeu nun estrepitoso 17,4 % entre este setembro e o setembro do 2022. Obviamente, a combinación do efecto inflacionario, xunto coas medidas correctoras que aumentaron as taxas de xuro están facendo decrecer a demanda de bens de consumo final de forma drástica.

As consecuencias están por ver. Pois todo depende de se o sector servizos, e especialmente o sector turístico e o sector comercial, é capaz de compensar esta caída de produción industrial nestes últimos meses do ano. De non ser capaces de xerar un pulo considerable no sector terciario, teremos serios problemas para que o noso PIB siga medrando de xeito desexable o vindeiro ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade