O CTAG propón 150 despedimentos e un ERTE de 110 días por razóns produtivas
Á CIG parécelle "excesiva" a proposta presentada pola empresa e desde CC. OO. avanzan que traballarán para reducir o seu impacto

A crise do sector da automoción chegou tamén ao Centro Tecnolóxico e de Automoción de Galicia (CTAG), situado no Porriño, cuxa dirección trasladou nas últimas horas aos sindicatos a comunicación para iniciar a negociación dun ERE e un ERTE. Sobre a mesa, a empresa propón realizar 150 despedimentos e unha regulación de 110 días para o resto do persoal.
Os sindicatos, que levan tempo alertando de problemas no centro, con perda de proxectos e despedimentos, explicaron que estes números son a formulación inicial, pero que tentarán reducir ao máximo o impacto das medidas ao longo das negociacións.
A CTAG xustifica as medidas por "razóns produtivas e económicas"
A proposta inicial do CTAG pasa por presnetar un ERE extintivo para un máximo de 150 traballadores (dun persoal total de case 900 empregados) e un expediente de regulación temporal de emprego para o resto do persoal de 110 días de duración.
"Son os números máis altos que se deron no sector", afirma Hugo Méndez, representante da CIG no comité, que lembrou que o ERE de Stellantis, "que xa foi unha barbaridade", alcanzou os 90 días.
A empresa alega razóns produtivas e económicas. Segundo trasladou, os ingresos do centro reducíronse, minguaron os fondos procedentes de subvencións públicas e a situación internacional é incerta debido á crise dos aranceis e a competencia da China, que tamén afectan ao CTAG.
Os sindicatos tentarán reducir o impacto
Con todo, desde a CIG sinalaron que estudarán con detemento a memoria económica entregada pola empresa, xa que o número de traballadores afectados pola regulación parécelles "excesivo" para as cifras económicas que presentou a empresa. Por iso, Hugo Méndez chamou á "calma" para poder analizar ben a situación, aínda que incidiu en que a intención da CIG é reducir ao mínimo posible o impacto das medidas no proceso de negociación.
Na mesma liña, David Casal, de CC. OO., recoñeceu que a situación é "complexa, pero aínda aberta", e explicou que o sindicato traballará no período de negociación para "reducir o impacto, garantir saídas voluntarias e protexer o emprego cualificado".
Segundo matizou, "non hai despedimentos inmediatos", xa que o proceso ten prazos legais (tras a comunicación da empresa ábrese un prazo de 7 días para que se constitúa a comisión negociadora).
"A nosa prioridade é que se xestione con diálogo, transparencia e garantías para todo o persoal", remarcou, antes de insistir en que a "prioridade" de CC.OO. é que "ninguén quede atrás" e que o CTAG "siga sendo un referente de innovación e emprego estable".