A produción de aceite de oliva español reduciuse á metade na última campaña

A produción de aceite quedou en 664.000 toneladas 

A seca do campo afectou a cantidade e calidade da oliva

A industria agarda que a nova colleita chegue pronto ao mercado e o prezo poida baixar algo

G24.gal 19/11/2023 14:36 Última actualización 19/11/2023 16:27

Os agricultores saben que se á oliveira lle faltou auga para medrar a oliva non será abundante nin tampouco de calidade. O sector encandea dúas colleitas pésimas, a última foi a peor deste século.

"Este ano as olivas están peor, como choveu pouco, as olivas non teñen a calidade que deberían ter, e ademais a oliveira practicamente absorbe a oliva. A oliveira retén a auga da oliva, non foi un ano bo de auga e esperamos que este ano chova algo máis", di Juan Hidalgo Gutiérrez, traballador da oliveira.

"Realmente non hai aceite, non só é deste ano, senón que o ano pasado vimos dunha colleita anormalmente curta", apunta Carlos Carreira, encargado da oliveira.

"As vagas de calor, a falta de chuvias e non ter auga nos encoros ocasionan que a produción en España se sitúe en 664.000 toneladas, a máis baixa dos últimos trinta anos", explica Rafael Pico, director de Asoliva .

España produce case a metade do aceite de oliva que se consome no mundo e o 70 por cento do mercado europeo.

"Calquera alteración nos custos de produción en España ten unha influencia inmediata nos outros países produtores. Cando o aceite de oliva en España aumenta de prezo, outros países produtores tamén aumentan os prezos", apunta Pico.

"Tivemos unha campaña que basicamente supón a metade da produción doutros anos, loxicamente a falta de aceite de oliva no mercado fai que os prezos suban", concreta Manuel Pérez, director comercial de DCOOP.

A industria agarda que pronto chegue ao mercado a produción da nova colleita, que foi algo mellor. Esta semana o prezo en orixe do virxe extra baixaba por primeira vez en meses ata os 7,50 euros, pero, de momento, está nas prensas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade