A policía detén un home en Vigo por agredir o seu fillo cun cinto e cunha botella de plástico

A desputa comezou porque o neno levaba tres horas co móbil 

O home foi detido pola suposta comisión dun delito de violencia no ámbito familiar

Barrio de Navia Barrio de Navia
G24.gal 05/12/2023 16:58 Última actualización 05/12/2023 19:34

Un home, de 43 anos de idade, foi detido na tarde deste pasado luns en Vigo despois de agredir presuntamente ao seu fillo de 13 anos cun cinto e cunha botella de plástico.

A Policía Local informou de que os feitos ocorreron pasadas as 9 da noite nun piso situado na rúa Teixugueiras, no barrio de Navia. Foi o propio menor o que chamou os axentes, despois de que o seu pai lle pegase no medio dunha discusión familiar.

Cando chegaron ao domicilio, os funcionarios foron recibidos polo suposto agresor, que relatou que minutos antes discutira co mozo pola utilización do móbil, porque levaba máis de tres horas con el e non quería deixalo. Nese momento principiou unha discusión entre o menor e a súa nai, poñéndose o neno agresivo, polo que o pai se interpuxo entre ambos, chegándolle a pegar cun cinto nas costas.

No relato que fixo a muller á policía, a súa versión foi similar á do seu marido, explicando que o fillo ten un trastorno de personalidade, polo que toma un tratamento desde hai pouco para controlar as crises de agresividade. Ao preguntarlle por se é habitual que o home lle pegue ao menor, ela asegurou que era a primeira vez que isto ocorría.

Despois, os axentes dirixíronse ao cuarto do menor, que estaba a chorar na cama, cunha crise de ansiedade e queixándose de dor nas costas. O neno explicou que o seu pai o agredira cun cinto, pegándolle nas costas, e cunha botella de plástico, tirándolla á cabeza.

O menor asegurou que non era a primeira vez que ocorría. Os axentes verificaron que o menor tiña rabuñaduras nas costas, informándose á nai dos pasos a seguir, quedando o neno no domicilio coa muller. Pola súa banda, o home foi detido pola suposta comisión dun delito de violencia no ámbito familiar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade