A conserveira Calvo pasará a chamarse Nauterra co fin de unificar a súa imaxe no estranxeiro

Este cambio de nome, tras oitenta anos, non afectará ao etiquetado dos produtos que chegan aos consumidores

O conselleiro delegado de Nauterra, Mané Calvo (Nauterra) O conselleiro delegado de Nauterra, Mané Calvo (Nauterra)
G24.gal 14/11/2023 16:33

O conselleiro delegado do Grupo Calvo, Mané Calvo, presentou estes martes, nunha conferencia de prensa, a nova identidade da compañía Nauterra a escala global. O cambio do nome corporartivo tras 80 anos de historia non afecta á etiquetaxe dos produtos que chegan aos consumidores, o obxectivo desta modificación é unir a súa imaxe nos sete países en que opera (España, Italia, O Salvador, Costa Rica, Guatemala, O Brasil e A Arxentina).

A conserveira de peixe con sede en Carballo, A Coruña, sinalou que este cambio servirá de paraugas a marcas como Calvo, Nostromo, adquirida en Italia en 1993, e da Costa, marca do grupo no Brasil. 

Esta firma conserveira familiar, nada en Galicia en 1940, conta con 5.200 empregados entre todas as súas fábricas e distribúe os produtos en 68 nacións. Entre as empresas do grupo, Calvo conta con moito peso no mercado español e de mexillón, estando presente en catorce países.

O responsable da nova Nauterra destacou a gran posición en que se atopa o grupo, situado entre os dez ou doce primeiros conserveiros do mundo. Ademais, subliña que esta nova identidade supón unha apertura e un enfoque cara ao mercado alimentario global, pois Calvo tamén distribúe aceites e conservas vexetais. 

En canto á facturación deste ano, Mané Calvo afirmou que estarán preto de exercicios pasados. Sinala que a inflación, "agora máis moderada", sumado á diminución da captura de atún mundial e ao encarecemento de produtos como o aceite de oliva afectarán ao resultado final do exercicio.

Con vistas ao futuro, o conselleiro delegado de Nauterra non esconde o interese por sacar novos produtos ao mercado, aínda que no referido a vender "atún vegano" respondeu que aínda lles queda moito traballo por diante para lograr que os sabores se parezan aos do atún.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar