O Corredor Atlántico recibirá 16.000 millóns de euros ata 2030

O secretario de Estado insta á participación do sector privado e á mellora do material móbil e estruturas nodais

O comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico asegura que o plan será presentado unha vez a regulamentación quede aprobada

A Comisión Europea busca dar continuidade ao Corredor Atlántico en Europa

G24.gal 26/10/2023 12:21

O secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, confirmou o investimento que está previsto para o desenvolvemento dos corredores Atlántico e Mediterráneo, 27.000 millóns de euros ata o 2030, dos cales 16.000 millóns irán destinados ao primeiro, e 11.000 millóns ao segundo. Lucas destacou na súa intervención na feira de mobilidade Global Mobility Call que para facer posibles eses servizos é preciso "ir máis aló" da construción das infraestruturas por parte do Goberno. 

"Estamos a traballar de forma decidida na consecución dos corredores, unhas rutas de transporte que axudan a fortalecer a integración europea, a fomentar o comercio e o turismo, e que contribúen á cohesión rexional, beneficiando a toda a Unión Europea", asegurou. Para facer posibles estes servizos, o secretario insta á participación do sector privado, así como tamén indica que é preciso adaptar e mellorar tanto o material móbil como as estruturas nodais. Tamén considera necesario "cambiar a mentalidade de todos os axentes que xogan un papel moi importante neste sector".

Corredor Atlántico é o máis longo, cun total de 5.300 quilómetros, que conecta once comunidades autónomas (Asturias, Galicia, Castela e León, País Vasco, Aragón, Estremadura, Madrid, Castela A Mancha, Andalucía e Canarias). Neste 2023, os orzamentos xerais do Estado contemplan un investimento de 1.648 millóns de euros, cos focos principais na apertura da variante de Pajares (Asturias) ou a construción das vías entre Burgos e Vitoria, Zaragoza-Pamplona ou Oropesa-Plasencia (Estremadura). O comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, adiantou que o plan director do proxecto está "moi avanzado". Este presentarase proximamente unha vez a regulamentación quede aprobada.

O coordinador da Unión Europea para o Corredor Atlántico, Carlo Secchi, quixo felicitar a España por ser o primeiro país europeo xunto con Portugal en asinar un acordo de implementación para a conexión transfronteiriza entre os dous países. Tamén se persegue conectar as dúas capitais estatais en algo máis de tres horas. Secchi tamén sinalou que a Comisión Europea continuará meténdolle presión a Francia para acelerar as obras e plans da súa alta velocidade, para así permitir a conexión con España e dar continuidade en Europa ao Corredor Atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade