"A nova Lei de igualdade é pioneira para seguir traballando no ámbito da violencia sobre as mulleres"

A secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, defende o traballo da Administración galega en prevención e sensibilización para facer fronte ás tradicionais formas de violencia machista e ás novas que están xurdindo

G24.gal 24/11/2023 09:59 Última actualización 24/11/2023 10:52

52 mulleres morreron en España no que levamos de 2023 pola violencia machista, dúas delas en Galicia. Son as cifras máis evidentes e máis duras desta eiva, pero non a única maneira que ten de manifestarse: vexacións, insultos, maltrato físico e psicolóxico, agresións sexuais, e tamén novas formas de violencia de xénero que traen as novas tecnoloxías. Comportamentos que ademais se reproducen cada vez a unha idade máis temperá.

Este sábado, 25 de novembro, é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez, estivo no estudio do Bos días, onde asegurou que "o compromiso do Goberno galego é seguir actuando para eliminar as diferentes formas de violencia como poden ser a económica, a psicolóxica, a social, incluso a dixital no ámbito máis xuvenil".

"A aprobación efectiva da Lei de igualdade entre mulleres e homes esta mesma semana no Parlamento é un fito importante, sendo unha lei pioneira para seguir traballando no ámbito sobre todo desa violencia sobre as mulleres e tamén seguir avanzando na igualdade e na prevención deses casos", di Sandra Vázquez.

Un dos ámbitos nos que se quere traballar é o da prevención e sensibilización, e "mañá queremos desde o Goberno galego, -di a directora xeral-, a través dun acto que vai ter lugar no castelo de Soutomaior, falar diso no ámbito educativo, no ámbito sanitario, a través dos centros de información á muller, que son os máis próximos á sociedade, e tamén a través das forzas e corpos de seguridade do Estado, e tamén desde o ámbito dos medios de comunicación".

En paralelo, este domingo celébrase en Santiago a décimo primeira andaina de Camiño ao respecto, "á que cada vez se suman máis persoas desde todos os ámbitos, de maneira física, nese percorrido de cinco quilómetros desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, ou de maneira dixital", explica Vázquez.

Desde a Xunta defenden que "con iniciativas, con apoio económico, con medidas que ten implantado o Goberno galego e que foron pioneiras, e que están a ser pioneiras, como é a axuda periódica para as mulleres ou o apoio psicolóxico ou xurídico son medidas que, a través desta lei que recentemente se aprobou, debemos seguir traballando para eliminar esta lacra. Con estas cousas estamos a previr ou a crear sensibilización".

Sandra Vázquez destaca o incremento do orzamento para estas políticas de cara ao próximo ano: "Só no que se refire á área de violencia de xénero, un 14,48 % máis, alcanzando os 23,5 millóns de euros. E o compromiso é seguir poñendo todas as políticas necesarias para loitar contra a violencia de xénero. Por unha banda, co tema económico, con ese orzamento, pero tamén nos últimos 14 anos demos acubillo a máis de 3.500 mulleres, no que ten que ver coa axuda periódica, ou no apoio psicolóxico ou xurídico que poden precisar as vítimas de violencia de xénero".

Nos próximos anos o reto será combater novas formas de violencia e chegar aos ámbitos nos que se manifesta e aos que aínda non se puido acceder. "A lei, a parte de ser unha lei pioneira que foi consensuada polo tecido asociativo, permite combater novas formas de discriminación e tamén eses contornos que sexan perigosos para as mulleres", explica Sandra Vázquez.

Nese camiño, conclúe a directora xeral, "para Galicia é un paso importante que a violencia dixital sexa recollida como violencia de xénero. Evidentemente, é un avance como sociedade pero debemos seguir traballando no ámbito educativo. Faise de maneira transversal coa Consellería de Educación. Intentamos explicar aos nosos menores como deben traballar no ámbito da igualdade e como debemos trasladar esa tolerancia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar