Seis detidos en Pontevedra para desartellar unha potente rede de distribución de coca do norte de España

Axentes da Policía Nacional interviñeron 65 kg de cocaína, case oito quilogramos de haxix, preto de 2.000.000 de euros e catro inmobles valorados en 350.000 euros

 Utilizaban unha furgoneta camperizada con dobre fondo para ocultar e trasladar as substancias estupefacientes

G24.gal 29/11/2023 11:26

Axentes da Policía Nacional desartellaron unha das redes máis potentes de distribución de cocaína do norte de España. Hai sete detidos en Xixón e Pontevedra, e interviñéronse 65 quilogramos de cocaína, case oito quilogramos de haxix, preto de 2.000.000 de euros e catro inmobles valorados en 350.000 euros. Os detidos ocultaban as substancias estupefacientes nun dobre fondo dunha furgoneta camperizada

A investigación comezou o pasado mes de abril, cando os axentes comprobaron que un dos detidos lograra a total independencia da organización da que dependía anteriormente. Os investigadores corroboraron que este home estaría agora liderando unha nova rede, e detectaron a presenza de varios vehículos e persoas que identifican como transportistas de droga na zona de influencia.

Por este motivo, estableceuse un dispositivo de vixilancia, seguimento e control sobre o vehículo sospeitoso de transportar cocaína que fora recollida no Salnés. Os axentes interceptárono cando se ía introducir nunha zona de aparcadoiros custodiada pola organización en Xixón e interviñeron, nunha caleta fabricada nos baixos dunha furgoneta camperizada, 50 quilos de cocaína. 

Froito desta operación, os axentes procederon á detención de sete persoas (unha persoa en Xixón e o resto en Pontevedra), e interviñeron 15 quilos de cocaína e 7,5 de haxix que estaban escondidos nun rocho de Xixón alugado pola condutora da furgoneta. O líder da rede escondía na súa vivenda preto de 1,5 millóns de euros 

No rexistro levado a cabo na vivenda do líder desta rede criminal interveuse preto dun millón e medio de euros, os cales foron atopados grazas a un dos cans da Unidade de Guías Caninos da Coruña. Noutros inmobles localizáronse máis de 400.000 euros en efectivo, así como numerosas xoias. 

Así mesmo, os axentes procederon a solicitar o bloqueo de catro inmobles a nome dos investigados, cunha valoración de máis de 350.000 euros, así como produtos en oito entidades financeiras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade