O Arenteiro consegue a súa primeira vitoria fóra da casa (0-1)

Os do Carballiño, grazas a un gol de Iván Ramos, foron quen de superar o Lugo

Os lucenses conseguiron espertar, pero xa era demasiado tarde

G24.gal 25/11/2023 19:53

O derbi entre o Lugo e o Arenteiro tardou en arrancar. Deixounos ver o xogo de pes de Diego García ou as accións por banda dos locais, sen obter rematador. Dous lances desgraciados lastraron o partido. Lesión muscular de Jozabed. O Lugo acusou a ausencia do seu cerebro. Peor pinta ten a lesión de Markitos. Bloqueouselle o xeonllo ao do Arenteiro que non podía nin sosterse en pé. Pode ser grave. 

Os contratempos deron paso a uns minutos de claro dominio do Arenteiro. Gozou dalgunha que outra aproximación de perigo e no tempo engadido da primeira metade tivo dúas magníficas opcións. Erro de Thiago Ojeda cun pase horizontal e Iván Ramos non pode marcar. O defensa Castrín evitou o gol con decisión. E segundos despois, conectan os talentosos Pibe e Luis Chacón. Lucas evita o 0 a 1.

A superioridade do Arenteiro mantívose no reinicio e contou coa complicidade da pouca contundencia do gardameta Lucas nos centros laterais. A Luis Chacón faltoulle ben pouco para conseguir o gol. Foi o anticipo do único gol do partido. De novo chega un envío desde a banda dereita, non se entenden Lucas e Castrín no despexe e Iván Ramos aproveita o rexeitamento para enviar o coiro ás redes. O gol era máis que merecido polos visitantes, que ademais rendibilizouno ata o final.

E iso que o Lugo botouse enriba con todo. Tivo opcións, xa sobre 90. A máis clara foi unha dobre ocasión de Fuentes e Antonetti. Quizais a mellora lucense chegou demasiado tarde. A festa do fútbol da Galicia interior era para o Arenteiro e as súas xentes do Carballiño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade