Falece un mozo de 30 anos tras saír da vía co seu coche en Santiago
Todo apunta a que o condutor perdeu o control do vehículo e golpeou bruscamente unha columna de formigón

Un mozo faleceu na mañá deste mércores nun accidente de tráfico. Viaxaba so no vehículo cando se accidentou na avenida Cruceiro da Coruña. Ás 8:30 horas, os axentes da Policía Local chamaron ao 112 Galicia para solicitar a colaboración doutros servizos de emerxencias no operativo: a situación parecía grave, e era preciso empregar material de liberación para sacar o home.
Todo apunta a que o condutor perdeu o control do vehículo e golpeou bruscamente unha columna de formigón.
Nada máis recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Santiago, que se encargaron de excarcerar á persoa.
O persoal dos servizos sanitarios desprazouse ao lugar a bordo dunha ambulancia e só puido confirmar a morte do home.