Un erro de Radu cústalle a derrota ao Celta (1-0)
O Celta gozou de máis oportunidades, pero faltoulle o acerto cara á porta contraria
O vindeiro sábado xogará diante do Wolverhampton o último partido da preparación
O día do seu aniversario Iago Aspas volveu a capitanear o Celta, e buscou marcar un gol de bandeira. O seu lanzamento desde o centro do campo acabou espetándose contra o traveseiro. De marcalo sería o gol da pretemporada. Un dos xogadores que deixou mellores detalles mentres estivo no campo foi Miguel Román. Personalidade e chegada á porta contraria. Dominou o Celta durante máis de media hora. O treito final o Vitoria de Guimarães apareceu en ataque e Nuno Santos inquedou a Radu. O primeiro tempo tamén nos deixou o troco de Williot aos quince minutos cunhas molestias o día no que se soubo do interese do Stuttgart alemán.
Non está a ser a pretemporada dos porteiros. Radu confiou, perdeu o coiro e Camará marcou a porta baleira. O Vitoria marcou na primeira xogada do segundo tempo mentres o romanés pedía desculpas. Claudio moveu o banco para darlle minutos á meirande parte de xogadores. Jutglá buscou o seu primeiro gol como celeste pero rematou de cabeza desviado o centro de Pablo Durán. El Abdellaoui confirmou o seu grande estado de forma, primeiro nunha xogada brillante que non atopou rematador e logo cun lanzamento desde fóra da área que salvou o porteiro portugués.
Así rematou o partido, coa derrota mínima do Celta noutra acción desgraciada dun porteiro, ao igual que acontecera hai uns días na xira por Alemaña.