Morre un motorista de Sarria de 57 anos ao bater contra un camión
Varias persoas foron testemuñas do sinistro mortal, entre elas, o pai da vítima

Un motorista de 57 anos veciño de Sarria faleceu nun accidente de tráfico na estrada LU-P5701, que vai de Sarria a Láncara, ao bater contra un camión ríxido que ía cargado de madeira.
O accidente, informou a Garda Civil, ocorreu ás nove e cuarto da noite. Varias persoas foron testemuñas do sinistro mortal. Unha delas, o pai da vítima, que conducía un vehículo detrás.
O falecido era coñecido na vila por ter unha zapatería fronte á estación de autobuses. Segundo os seus, a vítima nunca corría na moto, daquela, nun principio, descártase que cometese algunha imprudencia. A Garda Civil xa investiga o sucedido.
O 061 sinala que ao lugar acudiu persoal sanitario do Punto de Atención Continuada de Sarria, e foron mobilizados tanto o helicóptero como unha ambulancia de soporte vital básico, pero non puideron salvarlle a vida.