Publicador de contidos

Besteiro: "Teño moi boas vibracións en relación con estas eleccións"

Besteiro: "Teño moi boas vibracións en relación con estas eleccións"

O líder socialista animou a votar a todo o mundo para "decidir o futuro dunha Galicia que avance"

Seguirá o escrutinio dende a sede do PSdeG en Santiago

G24.gal 18/02/2024 11:59 Última actualización 18/02/2024 12:44

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, exerceu o seu dereito a voto en Lugo, acompañado pola súa familia, e dixo aos medios de comunicación que ten "moi boas vibracións" respecto ao resultado deste proceso electoral.

O líder socialista votou no colexio Rosalía de Castro, acompañado tamén por membros da súa candidatura, como a número 2 pola provincia e exalcaldesa da capital lucense, Lara Méndez, ou a responsable local do PSdeG, Ana González Abelleira, entre outros militantes socialistas.

“Teño moi boas vibracións en relación con este proceso, con estas eleccións”, manifestou á prensa tras depositar a papeleta.

Besteiro animou a todo o mundo a votar para "decidir o futuro dunha Galicia que avance, ese futuro que queren" e sumar "nesta verdadeira festa da democracia".

"Eu animo a todo o mundo que saia a votar. Co seu voto é como marcan a historia. Hoxe é un día histórico para Galicia e quero que canta máis xente mellor participe nese día histórico".

Salientou a campaña "propositiva" e en "positivo" que fixo o partido socialista e dixo que pasará o resto da xornada visitando "os compañeiros e compañeiras" que están nas mesas e os "axentes que participan no proceso", porque "moitas veces ninguén se acorda deles".

“Despois achegareime á sede do noso partido en Santiago, onde seguirei o final da xornada electoral, o escrutinio”, concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade