Zara lanza Travel Mode, con guías de viaxe e con entrega de pedidos en hoteis de seis cidades do mundo
Zara lanza Travel Mode, con guías de viaxe e con entrega de pedidos en hoteis de seis cidades do mundo
Os prezos dos artigos axústanse á moeda local e os métodos de pago dispoñibles van en función do destino, así como os prezos e prazos de entrega

Zara lanzou unha nova funcionalidade, Travel Mode, que ofrece guías turísticas de seis cidades en Reino Unido, Italia e Xapón e a posibilidade de comprar en liña no destino e recibir o pedido no hotel.
Travel Mode ofrece recomendacións de expertos sobre restaurantes, museos, recunchos descoñecidos, hoteis e demais actividades en Manchester, Milán, Roma, Tokyo e Kyoto, coa opción de poder consultalo mesmo en modo sen conexión.
Así mesmo, permite consultar as novidades dispoñibles no mercado ou rexión que se está visitando grazas á función de xeolocalización, realizar unha compra en liña e recibir o pedido no aloxamento. Os prezos dos artigos axústanse á moeda local e os métodos de pago dispoñibles van en función do destino, o mesmo ca os prezos e prazos de entrega.
Para as devolucións, Zara resalta que só poderán realizarse no mesmo país onde se fixo a compra. Só no Reino Unido ofrece a posibilidade de recollida no hotel.
Estes pedidos incluiranse nunha nova pestana dentro da conta de Zara e, unha vez que se regresa ao mercado de orixe, aparecerán marcados para diferenciarse do resto.
Ademais, a guía ofrece información sobre as localizacións das tendas de Zara en cada unha das cidades e dá a opción de enviar unha postal de recordo a amigos e familiares.