Zakaria Eddahchouri: "Os goles non son o máis importante"
Sobre a renovación de Gilsanz: "Fixo un gran traballo, pero non son a persoa adecuada para falar diso"
O dianteiro Zakaria Eddahchouri, que suma catro goles co Deportivo desde que asinou polo conxunto branco e azul no pasado mercado invernal, restou importancia aos seus números persoais porque para el os goles non son “o máis importante”.
“Desde o momento que cheguei ao club o meu obxectivo foi axudar o equipo. Fago o máximo posible na presión, defendendo e atacando co balón como equipo. Para min, os goles non son o máis importante, pero estou satisfeito cos que levo”, declarou en conferencia de prensa.
Zakaria é optimista co tramo final de tempada a pesar de que o seu equipo xa non se xoga nada tras certificar a súa permanencia e quedar sen opcións de alcanzar o playoff de ascenso.
“Cando me miro a min mesmo e penso na afección, sempre hai algo polo que loitar. Cada semana é unha oportunidade para loitar por darlle unha alegría á nosa xente”, indicou o ex-xogador do Telstar Velsen, quen marcou os seus catro goles como deportivista en Riazor.
“Non sei se é coincidencia, pero en Riazor síntome máis arroupado e con máis enerxía”, declarou o atacante, que soña con lograr o ascenso a Primeira División co Dépor.
“Se iso -o ascenso- non me motivase, non estaría aquí, pero tamén temos que mirar onde estaba o Deportivo hai uns anos. Persoalmente, estou motivado para a próxima tempada, e como sempre, para tentar dar a miña mellor versión”.
Sobre a posible renovación de Óscar Gilsanz:
"Desde que cheguei fixo un gran traballo. Estabamos no posto 17º loitando por non descender e agora estamos décimos. Fixo un gran traballo, pero non son a persoa adecuada para falar diso (da súa renovación). Hai outras persoas que deben decidilo".