Yoseba Muruzábal reivindica nos seus murais o labor das mulleres na India
Yoseba Muruzábal reivindica nos seus murais o labor das mulleres na India
Yoseba Muruzábal coñeceu de primeira man o labor da fundación Vicente Ferrer nesta parte da India
Son murais que reivindican o traballo, o esforzo e o sacrificio das que sacaron adiante as súas familias en tempos moito máis difíciles
Madakasira é unha zona rural e empobrecida da India. As desigualdades sociais cébanse cun colectivo especialmente vulnerable, o das nais que quedan viúvas. Elas foron a inspiración do muralista galego Yoseba Muruzábal, que atopou moitas similitudes coas avoas que adoita pintar na nosa terra.
"O modo de vida laboral é moi semellante. Son mulleres do rural que con dúas vacas poden saír adiante como facían as nosas avoas".
Durante un par de semanas, Yoseba Muruzábal coñeceu de primeira man o labor da fundación Vicente Ferrer nesta parte da India. Entrevistouse con ducias desas nais que, con moito esforzo e a axuda desta ONG española, saen adiante superando todas as dificultades. Antes de regresar, o artista homenaxeounas do xeito que mellor se lle dá, pintando.
"Atopeime cun mural moi similar aos que fago en Galicia, pero cunhas cores moi diferentes. Porque en lugar de pintar un mandilón, pintei un sari. E, claro, os saris teñen un bombazo de cor".
Estamos afeitos a ver as súas superavoas cando circulamos polas estradas de Galicia. Murais que reivindican o traballo, o esforzo e o sacrificio das que sacaron adiante as súas familias en tempos moito máis difíciles. Se cadra tamén esta nai, que simboliza tantas mulleres da India, sexa tamén a primeira de moitas.