Publicador de contidos

Publicador de contidos

Yolanda Díaz reclama no Courel un novo contrato entre o rural e o urbano

Yolanda Díaz reclama no Courel un novo contrato entre o rural e o urbano

Sumar, o proxecto político de Díaz, recala en Galicia para "demostrar que se pode vivir nun rural vivo"

G24.gal 01/09/2022 14:47

O novo proxecto político de Yolanda Díaz, Sumar, recalou este xoves en Galicia para "demostrar que se pode vivir nun rural vivo", pero que precisa un "novo contrato social" para acabar co despoboamento da 'España baleirada'.  

Para a súa primeira saída da capital española tras a presentación do seu novo proxecto político,, Yolanda Díaz escolleu as montañas do Courel, concretamente na casa-museo do poeta galego Uxío Novoneyra, a quen Díaz, que chegou da man da súa filla, lle garda un grande agarimo, tal e como ela mesma comentou. 

Aínda que os cargos políticos volveron quedar nun segundo plano, Díaz si estivo acompañada polo secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, xunto á súa familia, así como por outras personalidades como a poeta Branca Novoneyra, filla do escritor galego e o cineasta Óliver Laxe.  

A localización, insistiu, non é casual, pois supón unha forma de mostrar ao resto de España "un gran descoñecido: un pulmón magnífico que se chama Galicia".

"Arrincamos 'Sumar' en Galicia sabendo que temos unha tarefa pendente desde hai 60 anos, nos que o cambio do modelo produtivo trouxo consecuencias tan tremendas como o despoboamento rural -a España baleirada-", explicou.  

A tamén ministra de Traballo relatou como o cambio na agricultura e a gandaría, "que pasou de ser de proximidade, de calidade, humana e sustentable", a un modelo intensivo, "que non é correcto", desembocou en que, "a medida que se estendían as zonas de monte,  se foron perdendo poboación rural". 

Díaz mostrouse crítica coa xestión das administracións "de todas as cores políticas".

"A cidadanía abandona o rural fundamentalmente porque as Administracións o abandonan. Só actúan na extinción de incendios e facer isto, como política pública, é actuar cando o dano xa está feito", argumentou.  

Insiste en "atallar" as causas que producen o abandono rural, unha delas a falta de servizos. Sobre este tema, a líder de 'Sumar' instou a subscribir un "novo gran pacto", "un novo contrato social entre o rural e o urbano".

"Os habitantes do rural teñen os mesmos dereitos que os que viven nas cidades. Un contrato social coa terra é fundamental", aseverou.  

Avoga a formación progresista por cambiar o modelo produtivo cara a unha agricultura e unha gandaría "que non pode ser extensiva" e por abordar finalmente un proceso de transición alimentaria; sempre desde o rural e para o rural.

"Non se poden deseñar políticas públicas desde as capitais. Hai que facelo desde aquí", defendeu.

Os temas avanzados por Díaz foron tamén os abordados no 'acto de escoita' (así define a Díaz a vicepresidenta as reunións que mantén con expertos e profesionais de distintos ámbitos no marco de desenvolvemento do seu proxecto político) que ocupou gran parte da xornada.   Nela participaron desde agricultores e gandeiros, a emprendedores no rural, veciños da parroquia e traballadores na extinción de incendios.

A alcaldesa de Folgoso do Courel pide a Yolanda Díaz axudas polo incendio

A alcaldesa do Courel, Lola Castro, aproveitou a presenza no seu municipio da vicepresidenta do Goberno para tentar facerlle entrega dunha carta en que lle pide axuda para liquidar os problemas que deixou o voraz incendio que arrasou máis de 11.000 hectáreas durante dúas semanas do mes de xullo, así como para expresarlle outras “preocupacións” provocadas por situacións “recorrentes”.

A rexedora local confirmou que se achegou ata a sede da Fundación Uxío Novoneyra para facerlle entrega persoalmente dese escrito, así como dun agasallo institucional, pero non puido falar coa vicepresidenta, de modo que lle deixou a carta “a un dos membros do seu equipo”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade