Díaz: "A amnistía só pode saír dun pacto histórico, sen unilateralidade"
A vicepresidenta en funcións e líder de Sumar propón un amplo acordo político e social
A vicepresidenta segunda do Goberno en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz, afirma que a amnistía que reclama o independentismo catalán debe saír dun pacto histórico no que "non cabe a unilateralidade".
Nunha entrevista que publica este domingo o diario La Vanguardia, considera que "hai moita xente que hoxe ten dubidas" pero o que hai "que entender é que a amnistía non é unha lei, senón que acaba nunha lei".
"Hai un conflito político que pode ser obxecto dun acordo político e social. Un conflito ao que nunca debemos chegar. E por que falo de acordo político e social? Porque nese acordo tamén deberían estar os empresarios e os sindicatos, a sociedade civil... Un amplo acordo que culminaría cunha lei orgánica".
A vicepresidenta asegura que mantén informado o líder socialista dos seus contactos con Puigdemont e propón un amplo acordo político e social.
"Cando unha parte senta a negociar xa está a renunciar á unilateralidade", engade.