Yamal, Pedri e Fabián Ruíz, entre os candidatos ao Balón de Ouro
O premio ao mellor xogador do ano darase o vindeiro 22 de setembro en París
Lamine Yamal, Pedri e Fabián Ruiz aparecen na lista de 30 candidatos ao Balón de Ouro, dominada polo PSG que ten nove nomes. Con catro xogadores, o Barcelona é o segundo club con máis representantes na lista de candidatos do prestixioso premio que será entregado o vindeiro 22 de setembro en París. Ademais de Pedri e Yamal están Raphinha e Lewandowski.
O club catalán, gañador da Liga, a Copa e a Supercopa de España, quedou ás portas da final da Liga de Campións e tamén opta ao premio do mellor club do ano. Hansi Flick está na lista de adestradores pero todo apunta a que o elixido será Luis Enrique. No tocante ao mellor xogador Yamal está entre os candidatos a rematar no podio pero o gran favorito é Ousmane Dembelé. O que pode gañar o extremo do Barcelona é o trofeo Kopa como mellor xogador sub 21.
O Real Madrid contará con tres nomes, o brasileiro Vinicius, o inglés Bellingham e o francés Mbappé que ten opcións grazas á Bota de Ouro gañada na 24-25.