Pandolo, acusado de tres tentativas de homicidio: "Non cheguei a disparar a ninguén"
O acusado, cun longo historial delituoso, declarouse inocente e dixo que fixera catro ou cinco disparos ao aire
Enfróntase a unha pena de 36 anos e 3 meses de cadea
José Manuel Martínez, coñecido como Pandolo, asegurou que non disparou a ninguén, só ao aire, durante o xuízo no que se lle acusa de tres tentativas de homicidio por entrar nunha vivenda no Pereiro, en Ordes, en maio de 2023, onde residía unha familia de seis membros.
"Fun roubar un coche e saíronme catro ou cinco persoas dunha familia. Rodeáronme, comezaron a golpearme e acabei aquí. Eu apuntei coa pistola a xente. Pero en ningún momento cheguei a disparar", declarou.
Uns feitos ben distintos aos que relataron as vítimas. A primeira das testemuñas contou que tras escoitar un ruído no coche que Pandolo pretendía roubar, baixou, e nada máis abrir a porta, apuntouno directamente coa pistola, a menos de dous metros, e acabou feríndoo no abdome.
Nese intre, baixou ao patio a súa muller, contra a que o acusado realizou un novo disparo coa clara intención de acabar coa súa vida, segundo declarou no xuízo, malia que non a alcanzou porque se protexeu detrás doutro vehículo.
Ao ver a escena, a nai do ferido abalanzouse sobre o procesado. Este, deulle unha puñada e tirouna ao chan e apuntándolle á cabeza, disparoulle á vez que lle dicía: "Isto é porque ti o buscaches". Porén, a muller salvouse porque a pistola se bloqueou.
Agora enfróntase a unha pena de 36 anos e 3 meses de cadea. A defensa pide para el a libre absolución. "Porque entendemos que pode haber unha eximente completa. Entendemos que esta petición vai resultar difícil, pero si imos pedir unha rebaixa substancial das penas", explica José Martín Fuentes, avogado da defensa.
Pandolo ten un amplo historial delituoso. No 2007, en Sada, disparou contra a patrulla da Garda Civil que lle deu o alto. Foi castigado con 20 anos de cadea e nada máis obter o terceiro grao, a finais do 2023 matou, presuntamente, dous homes; un en Mazaricos e outro en Culleredo, que despezou e esparexeu os seus restos en bolsas de lixo polos montes de Mazaricos. Dous asasinatos polos que aínda está pendente de xuízos.