Unha testemuña identifica o principal acusado de queimar dous autobuses en Vigo
Unha condutora e o seu compañeiro sentimental sentan no banco dos acusados
Dúas das testemuñas que declararon este mércores fixérono tras un biombo: unha era unha das pasaxeiras do autobús calcinado, quen dixo que vira o principal acusado como colocaba papeis nun oco do fondo do autobús, tamén que notara o forte cheiro a gasolina e que llo advertiu á condutora e que vehículo quedou calcinado en segundos logo de saír del.
Un policía secreto que traballa fóra da cidade tamén foi testemuña directa e participou na investigación. Un responsable legal da empresa tamén apuntou que o principal imputado puido acceder ao bus cos bonos de cortesía que a empresa dá para uso dos familiares dos condutores.
A Fiscalía pide para o principal suposto autor do incendio vinte anos de cadea. É a parella sentimental da condutora, tamén investigada, pero para quen piden 10 anos de cárcere. O Ministerio Público tamén solicita unha indemnización de 427.000 euros.
Os feitos xulgados ocorreron o 30 de abril de 2023, e nun lapso de tempo de 52 minutos arderon dous autobuses urbanos: un na rúa Tomás Alonso, que quedou parcialmente queimado, e outro que acabou totalmente calcinado cando chegaba ao farol da rúa de Urzáiz.