Xornada de vacinación con doses de reforzo para todas as franxas de idade
Na área de Santiago hai convocadas unhas 3.000 persoas
En Vigo o número de citacións elévase a 6.000
O proceso de vacinación continúa nos grandes recintos. Este domingo, teñen a oportunidade de reforzar a súa inmunización todas aquelas persoas, maiores de dezaoito anos, que non puxeran a terceira dose.
De aí que a afluencia estea a ser menor que en días anteriores. Con todo, na área sanitaria de Vigo hai convocadas 6.000 persoas. Na de Santiago citáronse 3.000, 500 no hospital da Barbanza e 2.500 na Cidade da Cultura.
"Practicamente a maioría deles son maiores de 30 anos e están levando a dose de reforzo de Moderna, se vén algún menor de 29 anos temos tamén doses de Pfizer para esa xente" "Hoxe e mañá temos aínda citados e pasado xa sería repesca", di Pablo Domínguez, enfermeiro e membro do equipo de coordinación da vacinación na Cidade da Cultura.
Algúns dos que chegaban este domingo ata o centro de vacinación tiveron que atrasar a segunda ou a terceira dose por ter pasado a covid. Outros atrasárona por estar fóra de Galicia cando se estaba a vacinar o seu grupo de idade.
O sábado a citación era para a terceira dose na franxa de 18 a 29 anos. Acudiu un 83 % das persoas convocadas.