Xornada de incidencias en Carballo, con numerosos roubos e estragos
Veciños e comerciantes están preocupados pola falta de seguridade
Unha xornada moi complicada para as forzas e corpos de seguridade de Carballo e para os servizos de emerxencias. Veciños e comerciantes falan dunha auténtica vaga de roubos e dunha completa sensación de inseguridade. Vehículos queimados e roubados, pero é que na cafetería da estación de autobuses volveron entrar rompendo un cristal. É a sétima vez nos últimos 5 meses.
As incidencias tampouco sorprenden a veciños e comerciantes, que levan tempo denunciando unha falta de seguridade alarmante. Primeiro foi no aparcadoiro onde estaba o vehículo da autoescola estacionado; o importe do estragado e do roubado podería superar os 2.000 euros.
Pouco despois ardía un coche a pouca distancia por causas que se están a investigar. Afectou a outros dous e non foi a máis grazas á actuación dos bombeiros.
Pero a peor parte sen dúbida e para a cafetería, 4 roubos dende xullo e neste último, o sétimo intento, non conseguiron levar cartos pero si levaron cervexas e causaron estragos. A dona non quere falar a cámara por medo a máis ataques.
Veciños e comerciantes falan dunha situación desesperada. Esixen máis vixilancia policial e máis contundencia xudicial cando algúns dos autores destes delitos son identificados, pero ao pouco tempo volven reincidir nas súas accións.