Fin de semana de vacinación sen cita previa nos grandes recintos
Poden acudir persoas que cumpren cos criterios de Sanidade
No Ifevi e no Gaiás había este sábado dous postos habilitados
En Galicia, a vacinación continúa. Esta fin de semana non hai citación por grupos. É, por tanto, vacinación libre para xente que, por diversas circunstancias, non recibiu algunha das doses. A partir do mércores vindeiro regresan as repescas para todos os grupos de idade e as segundas doses da poboación de 5 a 11 anos.
Este sábado os grandes centros de vacinación galegos presentaban unha imaxe inusual. Acoden persoas que pasaron a doenza nas últimas semanas e necesita o certificado da covid, e tamén aquelas que cumpren cos criterios de Sanidade para recibir segundas e terceiras doses.
Tendo en conta os altos índices de vacinación que hai en Galicia, os interesados ían chegando durante a mañá aos poucos. No Ifevi e no Gaiás había tan só dous postos de enfermería habilitados.
Entre os poucos que acudían estaba Carla, que recibira a primeira dose máis tarde ca o seu grupo de idade.
"Pasei a covid no verán, entón puxéronme a primeira dose en setembro e agora chamáronme para a segunda para a semana que vén pero non podía vir porque teño unha viaxe e por iso viñen hoxe e vacináronme sen problema ningún", dicía Carla.
Tamén acudían algunhas persoas que tiveron contacto estreito cun caso de covid recentemente ou que foran citados noutra cidade e que por estudos, por exemplo, non puideran acudir.
Outro caso é o de Manuel. Ten 32 anos e, por circunstancias laborais, recibira a monodose de Janssen nos Estados Unidos. Esta mañá administráronlle a dose de reforzo de Moderna.
"Eu tiña a miña tarxeta de vacinación americana pero cando tratei de convalidala aquí co certificado europeo ao principio foi complicado... Por traballo viaxo moito e agora necesitaba a dose de reforzo. Tras varias chamadas ao Sergas dixéronme que viñera hoxe sen cita previa e que xa me expedían o meu certificado europeo de vacinación", aseguraba este mozo vacinado.
O domingo estes centros seguirán abertos nunha nova xornada de vacinación libre.