Xinzo inicia o Entroido con polémica
Buses con consumicións incluídas xeran opinións enfrontadas ás portas do petardazo
"Que se expliquen todas as tradicións do entroido e que a xente veña coñecelas, pero non co pretexto de beber, porque ao final deixan todo perdido e é unha pena que non o gocen como debe ser”, explica unha veciña
En Xinzo, o sábado do petardazo celebran que xa é domingo. O fin dunha conta atrás que levaban agardando todo o ano: o inicio do Entroido.
A poucos días desta data, unha iniciativa privada xerou debate entre os veciños: organizan un servizo de autobús desde Ourense e ofrece aos seus clientes dúas consumicións simbólicas en dous pubs da vila.
'Non molestan nada, con tal de que non fagan mal a ninguén' ou 'é unha vez ao ano, os novos teñen de disfrutar' opinan algúns dos veciños, outros ven a iniciativa como posible medida ante o "botellón".
Outros veciños expresan preocupación polo modelo de festa que se promove. Temen que o servizo atraia un turismo ligado ao consumo de alcol, xerando un ambiente menos respectuoso e unha posible masificación nas rúas.
“Que se expliquen todas as tradicións do entroido e que a xente veña coñecelas, pero non co pretexto de beber, porque ao final deixan todo perdido e é unha pena que non o gocen como debe ser”, explica unha veciña.
Pola súa banda, un hostaleiro refírese ao anuncio como “un intento de evitar o botellón que non van conseguir, xa que a restrición é só nunha franxa horaria concreta e, antes ou despois, a xente fará botellón igualmente e xurdirán os mesmos problemas”.
O Entroido de Xinzo xa está en marcha, e o que piden os veciños é unha festa respetuosa coa tradición como principal atractivo.