Xinzo de Limia revive a invasión romana na súa Festa do Esquecemento
A efeméride recrea a invasión dos nativos castrexos polas tropas romanas
En homenaxe ás vítimas polos incendios en Galicia, simulouse o prendido do lume sacro, que preside a festa
Coñecer a historia é fundamental para non repetila, por iso en Xinzo de Limia levan celebrando dende o venres unha nova edición da Festa do Esquecemento, unha efeméride na que se rememora a invasión dos romanos das terras galaicas no ano 137 antes de Cristo e a conseguinte derrota dos nativos castrexos. Unha festa de interese turístico local que conta con múltiples actividades musicais, teatrais e varios concertos para agasallar a todos os visitantes.
"É unha festa de encontro, non de esquecemento, porque aquí o que hai é moito encontro", comenta un dos participantes.
Este ano, no que se cumpre a vixésimo quinta edición da festa, en homenaxe aos afectados polos incendios dos últimos días decidiuse simular o prendemento do lume sagrado que preside a festa. Pero a diversión está garantida.
O acto central da festa terá lugar dentro dunhas horas coa representación do cruzamento do río Limia polas tropas romanas.
"É cando Décimo Xuño Bruto chega coas súas tropas ao río Lethes, o río do esquecemento, e teñen medo a atravesar o río por perder a memoria. De aí o nome da festa do Esquecemento. Décimo Xuño Bruto é o primeiro en atravesar; chama aos seus soldados demostrando que iso non é así. Atravesan o río Lethes, invaden o campamento e despois chega a batalla contra os castrexos", ilustra unha das participantes na festa.
O exército romano conseguiu finalmente invadir os castrexos, pero os limiaos seguen mantendo a lembranza da súa propia historia.