Xa está habilitado o sistema que tramita os partes de alta e de baixa pola covid–19
O Sergas subliña que quedará a criterio do profesional a tramitación de forma conxunta ou separada
.png)
O sistema que permite aos facultativos do Servizo Galego de Saúde tramitar de forma conxunta os partes de alta e de baixa aos pacientes con covid–19 que o necesiten xa está operativo desde este xoves.
O Sergas remitiu unha comunicación aos profesionais, a que tivo acceso Europa Press, en que informa de que xa está activada esta posibilidade. Así, indica que, unha vez asinado o parte de alta, o sistema de xestión da incapacidade temporal (IT) almacenarao ata que chegue o día da alta sinalada no parte e enviarao de forma conxunta ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).
Con todo, o Sergas subliña que quedará a criterio do profesional médico a tramitación dos partes de alta e baixa de forma conxunta ou separada. No documento, o Servizo Galego de Saúde explica que os facultativos poderán acceder desde as listas de traballo de IANUS á de pacientes con procesos de incapacidade temporal que leven sete ou máis días nesa situación.
Ademais, tamén se dá conta de que os partes están dispoñibles para a súa descarga na aplicación É-Saúde (dentro do apartado Historia Clínica ou na opción de Historia de Saúde laboral no Sergas).