Os orzamentos superan o primeiro trámite parlamentario
O Goberno e os seus aliados logran tombar as sete emendas á totalidade
A ministra de Facenda matiza a promesa a ERC de que o executivo ía levar a reforma do delito de sedición ao Congreso
Non houbo sorpresa. O Goberno e os seus habituais socios parlamentarios lograban tombar as sete emendas á totalidade que se presentaran contra os orzamentos xerais do Estado. Polo tanto, as contas continúan a súa tramitación ordinaria ata a votación final, que se prevé para os últimos días de novembro.
Antes, o Goberno debe chegar a acordos cos grupos da esquerda. Esta mañá xa lle lembraron que non ía ser gratis nin doado.
Con ERC, a negociación será aínda máis complexa. Os cataláns queren un compromiso firme sobre a reforma do delito de sedición. Esta mañá, a ministra de Facenda díxolles que a levarían ao Congreso. E esas palabras rapidamente se interpretaron como que houbera avances nas conversas. Lembren, que o Goberno xa dixera que quería reformalo para adaptalo á normativa europea pero que non o podía facer porque non tiña maioría dabondo no Congreso.
Visto o balbordo, María Jesús Montero tivo que rectificar. A saída do pleno, matizaba que só fixera súas as palabras do presidente Sánchez en Bruxelas hai uns días.
En Esquerra non saen do asombro. Lémbranlle que non van desistir e negan que non haxa votos suficientes. Simplemente "é mentira", dixo Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso.
Tanto Esquera coma o PNV desmárcanse dos novos pactos da Moncloa que quere albiscar a ministra de Facenda. Presionan así para conseguir que prosperen as súas demandas.
Unha delas é que o imposto temporal á banca e enerxéticas se converta en permanente. A ministra non pechou esa porta.