Volven os tests de antíxenos de balde nas áreas sanitarias galegas
Reactívanse os 32 puntos habilitados para realizar as probas de antíxenos
Na área sanitaria de Ourense comezaron este domingo e continuarán ata o vindeiro 28 pola tarde, de 15.30 a 20.30 horas
Poden acudir sen cita previa ao Espazo Xove, na cidade e nos hospitais comarcais de Verín e O Barco de Valdeorras
A partir do luns volven estar en funcionamento os 32 puntos para facer de balde un test de antíxenos nas distintas áreas sanitarias galegas.
Tamén á area sanitaria de Ourense volven os cribados de tests de antíxenos de acceso libre, é dicir, sen cita previa e de balde.
Desde hoxe ata o vindeiro día 28, en horario de tarde, de 15.30 a 20.30 horas, están habilitados para facer estas probas este Espazo Xove, na cidade de Ourense, no covidauto no hospital de Verín, e tamén na área de rehabilitación do hospital do Barco de Valdeorras.
No espazo Xove de Ourense tres postos de enfermeiras van recollendo as mostras das probas que realizan polo nariz. E despois de agardar uns dez minutos xa está o resultado listo.
"O que si que notamos é que viñeron moitos nenos, debe ser porque mañá empeza outra vez o colexio e os pais deben estar preocupados e acudiron bastantes", asegura a enfermeira Silvana Pena.
Moitas nais e pais achegáronse para despexar dúbidas co test de antíxenos antes de volver ás aulas.
"Pola mañá empezou o grupo de WhatsApp de pais e nais do cole a dicir, pois o meu fillo é positivo, a miña filla é positiva... e xa levamos cinco na clase e, como con seis confinan, pois imos para desbotar posibles positivos. Somos negativas así que marchamos contentas", explica unha nai en Ourense.
"Fixémolo polos nenos, que tiveron un positivo na clase e por precaución achegámonos a facelo. fixémolo os tres e de momento, negativo", di un pai en Ourense.
"Non me encontraba mal para nada, non tiña síntoma ningún, o que pasa é que estiven cun contacto directo con dous netos e, entón, por precaución", asegura unha avoa en Ourense.
Por prevención e para detectar casos positivos, tamén asintomáticos. Os cribados de antíxenos nos 32 puntos de balde e de acceso libre volven estar á disposición da cidadanía nas diferentes áreas sanitarias de Galicia.