Volven as carreiras ilegais ao polígono do Camiño, en Pontevedra
A operación Platillo, en xuño, con case un cento de denuncias, freara as quedadas, que volveron esta fin de semana
A veciñanza, farta dos ruídos, da inseguridade e dos estragos que provocan
Volveron, e volveron con ganas: con derrapaxes, con chíos de rodas, con adiantamentos forzados.
"Venres tras venres as mesmas películas"; "Cando sopra o vento do norte, eu vivo nunha aldea aí abaixo, moi preto de aquí e escóitase cando están facendo rallys. Escóitase moitísimo".
As imaxes gravadas por un veciño ás agachadas son unha mostra do problema co que levan anos lidando. Os venres á noite escusan ir para a cama. Dan fe as pegadas no asfalto.
"Son veciño da zona e ata as tres da mañá aí non se pode durmir. Policía Nacional, a Local, Garda Civil, soben, dan unha volta. Eles paran e volven arrancar cando marchan e están así seguido".
"Que fan moito ruído? Si. Están dende as doce da noite, e se cadra, ata as catro da mañá".
Fartos do ruído e tamén da inseguridade, incluso nas estradas máis próximas.
"Veñen lanzados da rotonda de riba e pegan contra aquel gardarraís e, as veces, van para baixo"; "Veñen fogueados cando a xente vén para traballar ou cando saen"; "Xa se ve na rotonda de pasar por riba dela, cachos de defensa, cristais".
A maioría son rapazada. Moitos da zona. De feito, coñécenos. Pero tamén veñen de fóra. Todo un espectáculo, sen medidas de seguridade, no que, segundo contan, un empresario da zona incluso monta un bar improvisado porque clientes non faltan.
"Eu teño unha irmá que traballa no polígono e cando lle cadra quenda de noite os venres di que é unha pasada o que aí hai". "Tamén fan botellón e a beiravía queda toda chea de botes, plásticos, cristais".
A operación Platillo, en xuño, deulles un respiro que pouco durou. Daquela, a Garda Civil denunciara case un cento de persoas por diferentes delitos. Pasaron catro meses e volta ás andadas.