Volven a Marrocos 48.300 migrantes dos 50.000 que chegaron a Ceuta
Recuperados 57 cadáveres da costa ceutí
Migantes camiñan cara a fronteira para saír de España. Reuters
Ás seis da tarde deste venres xa retornaran a Marrocos 48.300 migrantes dos 50.000 que entraron de forma irregular a Ceuta nas últimas horas, segundo indicaron fontes do Ministerio do Interior.
57 cadáveres recuperados
Elévanse a 57 os cadáveres achados na costa de Ceuta tras a entrada masiva de persoas procedentes de Marrocos. Con estes falecidos elévase a 89 o número de migrantes que morreron este ano intentando entrar a nado en Ceuta.
As forzas de seguridade e os servizos de emerxencia seguen localizando corpos das persoas que se lanzaron ao mar desde as costas marroquís de Castillejos para intentar alcanzar a costa ceutí a nado. Non se descarta que a cifra continúe aumentando conforme pasan as horas.
A Cidade Autónoma tivo que habilitar un espazo especial para poder manter os cadáveres.O elevado número de falecidos desbordou a capacidade do recinto habitual dedicado a esta función, polo que foi necesario habilitar outro espazo máis.
A maior parte dos cadáveres correspóndese con mozos en idades comprendidas entre os 20 e os 35 anos e entre eles hai polo menos unha muller.