Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os pasaxeiros non terán que sacar líquidos e portátiles nos controis de aeroportos desde 2024

Os pasaxeiros non terán que sacar líquidos e portátiles nos controis de aeroportos desde 2024

A partir do 2024, coa incorporación de tecnoloxía 3D, non fará falta sacar os envases da equipaxe 

Madrid e Barcelona serán os primeiros en ter esta nova tecnoloxía

A partir do 2024 poderemos levar na equipaxe de man envases de máis de 100 ml
G24.gal 20/02/2023 14:54

Tirar os líquidos antes de pasar o control de acceso á zona de embarque nos aeroportos ten os días contados en España. AENA xa anunciou que a partir do 2024 vai introducir cambios nos controis de seguridade e xa non haberá que sacar nada da equipaxe de man.

Os novos controis supoñerán un avance tanto na mellora da seguridade como na comodidade do pasaxeiro.

Actualmente os líquidos, perfumes, cremas, aerosois, escumas, xeles, champú e pasta de dentes tiñan que ir en envases individuais de capacidade non superior a 100 mililitros, contidos á súa vez nunha bolsa de plástico transparente con sistema de apertura/peche e de capacidade non superior a 1 litro (bolsa de aproximadamente 20 x 20 centímetros).

Só se pode transportar unha bolsa por pasaxeiro, incluídos nenos e esa bolsa tiña que se colocada en bandexas do control de seguridade, fóra da equipaxe.

Coa nova normativa, os viaxeiros poderán portar botes de aseo como colonias, cremas ou maquillaxes de tamaño medio ou familiar.

Tecnoloxía 3D

Van servirse da tecnoloxía 3D para inspeccionar a equipaxe de man. Son escáners de raios X que xa se están probando con éxito noutros países.

 "É como un tubo como os que usan para as resonancias e simplemente ti metes nunhas caixiñas todo, non tes que sacar nada, nin ordenador, nin líquidos, nin nada", informa un rapaz que xa o viu en Finlandia o ano pasado

AENA tamén anunciou a fin das restricións para os envases de máis de 100 mililitros.

"Especialmente para os que temos rapaces que sempre andamos que se un iogur bebible, un potiño ou calquera cousa, botella de auga por se acaso, si todo iso é moito máis cómodo", explica un pai.

Gañamos en comodidade, pero tamén en seguridade.

 "E axuda moito máis aos axentes de vixilancia porque teñen unha imaxe en 3D e pódena mover como eles queiran e teñen moita máis información sobre o que levan na mochila, así que me parece moi boa idea", comenta outro pasaxeiro.

AENA vai investir máis de 180 millóns de euros. Madrid e Barcelona serán os primeiros en ter esta nova tecnoloxía.

Menos restricións

En Europa, a Comisión Europea pediu que se suavicen estas restricións impostas tras os atentados das Torres Xemelgas de Nova York o 11 de marzo de 2001.

O control de líquidos estableceuse en 2006 por mor dun atentado terrorista frustrado (explosivos ocultos en latas de bebida) planeado por Al Qaeda contra sete avións que despegaban de Heathrow.

A asociación internacional de aerolíneas IATA tamén apoia a proposta de ir suavizando as restricións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade