Os veciños do atrincheirado en Arteixo din que viviron 14 horas con medo e incerteza
Non era a primeira vez que protagonizaba un episodio violento
Catorce horas de medo e incerteza foron as que viviron veciños de Vilarrodís, en Arteixo, por mor dun home que se atrincheirou na súa casa cunha actitude violenta.
Lanzou frechas cunha bésta caseira desde o terceiro andar. Previamente xa causara danos no inmoble e discutira con algún veciño. Tamén guindou obxectos de gran tamaño, como un ferro de pasar ou un ordenador, contra os vehículos policiais.
Cando chegaron os axentes da Garda Civil ao lugar intentaron negociar con el, sen éxito. Finalmente, non lles quedou outra que entrar na vivenda pola forza.
Malia que o home vive coa súa muller e dous fillos, no momento dos feitos, estaba só.
Os veciños contan que anteriormente xa protagonizara algún que outro episodio violento vencellado co consumo de drogas.
Agora será un xuíz quen ditamine se ingresa no cárcere de Teixeiro ou nun centro psiquiátrico mentres non se celebre a vista oral.