Vítimas do terrorismo piden á fiscalía que investigue as listas de EH Bildu
Queren que se comprobe se os 44 condenados por terrorismo que concorren aos comicios cumpriron as penas de inhabilitación
O ministro do Interior di que é un menosprezo á democracia e un dano ás vítimas do terrorismo
Un membro da ETA que matou un policía natural de Baleira vai nas listas de Bildu ao Concello de Irún
A asociaciación de vítimas Dignidade e Xustiza pediulle á Fiscalía que comprobe se os 44 candidatos de Bildu condenados por terrorismo, sete deles por asasinato, teñen realmente liquidadas as súas penas de inhabilitación, como esixe a lei para presentarse a unhas eleccións. De non ser así, pide que se anulen as súas candidaturas.
Critican, ademais, a humillación que supoñen para as vítimas estas listas. E niso tamén coincide a ministra de Defensa. Margarita Robles manifestou que, non só non lle "gusta" que nas listas de Bildu vaian persoas condenadas por terrorismo, senón que pensa que é "unha ofensa ás vítimas".
Tamén se pronunciou sobre o asunto a número dous do Goberno, cuestionando a dirección de Bildu. Para Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Economía, "resulta absolutamente incomprensible" e non entende "que líderes dun partido político poden querer facer dano ás vítimas e, por outra parte, volver atrás".
O ministro de Interior di que a presenza de condenados da ETA nas listas de Bildu parécelle un menosprezo importante á democracia española, pero sobre todo un dano grave ás vítimas do terrorismo. Fernando Grande-Marlaska asegura que con esta estratexia electoral Bildu está afastándose da ética que representa o respecto polos dereitos humanos e a dignidade das vítimas.
Pero os pronunciamentos de varios ministros socialistas non convencen no PP. Alberto Núñez Feijóo pregúntase se "a ningún lle queda unha chisca de humanidade para dicirlle a Sánchez ata aquí chegamos, rompe ese pacto xa ou marchamos do partido".
Pola súa banda, Vox rexistrou no Congreso unha resolución en que insta o Goberno a solicitar a ilegalización de Bildu, xa que considera que se está incumprindo a lei de partidos.