Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ingresan en prisión tres persoas en Barcelona pola súa presunta vinculación co terrorismo xihadista

Ingresan en prisión tres persoas en Barcelona pola súa presunta vinculación co terrorismo xihadista

Durante os catro rexistros practicados os axentes atoparon manuscritos e materiais con referencias a ataques do tipo 'lobo solitario' e ao martirio, varios dispositivos informáticos e unha baioneta

A investigación permitiu constatar como os detidos usaban diferentes perfís en redes sociais para compartir contido propagandístico de carácter xihadista e, ademais, realizaban publicacións nas que enaltecían e xustificaban as accións e atentados de diferentes organizacións terroristas

G24.gal 02/05/2025 10:24 Última actualización 02/05/2025 11:16

A Policía Nacional e os Mossos d'Esquadra detiveron tres persoas na provincia de Barcelona pola súa presunta vinculación co terrorismo xihadista, que defendían as teses de organizacións terroristas como a do Daesh así como ataques do tipo 'lobo solitario'. Segundo informan este venres ambos os corpos policiais nun comunicado, durante os catro rexistros practicados os axentes atoparon manuscritos e materiais con referencias a ataques do tipo 'lobo solitario' e ao martirio, varios dispositivos informáticos e unha baioneta.

As tres persoas detidas durante a madrugada do pasado luns, dous delas en Castelldefels e outra en Montcada i Reixac, están acusadas dos delitos de enaltecemento do terrorismo e ameazas, e atópanse en prisión provisional. Segundo os investigadores, os detidos estaban plenamente adheridos aos postulados xihadistas defendidos por varias organizacións terroristas, entre elas, Daesh.

A investigación permitiu constatar como os detidos usaban diferentes perfís en redes sociais para compartir contido propagandístico de carácter xihadista e, ademais, realizaban publicacións nas que enaltecían e xustificaban as accións e atentados de diferentes organizacións terroristas. O grao de radicalización dun dos detidos levouno a realizar ameazas concretas contra varias persoas nestas plataformas.

A investigación, dirixida polo Xulgado Central de Instrución número cinco e a Fiscalía Xeral da Audiencia Nacional, levárona a cabo de forma conxunta a Brigada Provincial de Información de Barcelona en colaboración coa Comisaría Xeral de Información de Policía Nacional e a área Central de Contraterrorismo -CXINF- Unidade Operativa de Información Exterior do Corpo de Mossos d'Esquadra. Tras pasar a disposición xudicial, o maxistrado ordenou prisión provisional para os tres detidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade