Vinte e oito mil persoas asisten en Riazor á goleada da selección española
A Coruña acolleu o amigable que rematou con vitoria (5-0) ante Islandia
Foron máis de 28.000 os seareiros que estiveron presentes en Riazor vendo o partido da selección española contra Islandia, amigable de preparación para o Mundial de Qatar que se xogará neste 2022.
O público gozou cos goles de Morata (2), Sarabia (2) e Yeremy Pino diante dun rival moi feble que veu a pecharse e a recibir a menor cantidade de goles posible.
Luis Enrique meteu a Unai Simón na portería; Azpilicueta, Guillamón, Laporte e Alba na defensa; Llorente, Koke e Carlos Soler no centro do campo, con Pino, Morata e Olmo na dianteira. Tiveron minutos Sarabia, Marcos Alonso, Ferrán Torres, Gavi e Pedri.
Ao descanso chegouse co 2-0 (ambos de Morata) e no segundo tempo redondeou a goleada o xogador do Sporting de Portugal Pablo Sarabia con outro dobrete.