Villares: "O partido ante o Celta non é un partido máis porque sempre está esa rivalidade"
Non cre que o duelo de Balaídos sexa unha final
Diego Villares, centrocampista do Deportivo, afirma que o triunfo por 2-0 e o bo xogo exhibido o pasado domingo fronte á Ponferradina en Riazor insuflan ao equipo branco e azul "ese plus de motivación a todos para continuar cos bos resultados de aquí para diante".
"Bastante contentos, encantados do xogo que fixemos, do partido do equipo e pola nosa banda esperemos encadear así moitos partidos o que queda de tempada para coller unha boa serie de resultados", manifestou o medio vilalbés esta mañá en conferencia de prensa.
Tamén falou da súa recente renovación.
"Foi algo bastante rápido, as dúas partes queriamos chegar a ese punto de acordo, entón foi algo rápido que manexaron os meus representantes e a dirección deportiva. A partir de aí, dixen si e acabouse todo moi rápido".
Villares tamén se referiu ao duelo contra o Celta Fortuna.
"Está claro que non é un partido máis porque sempre está esa rivalidade aínda que sexa o filial do Celta e é un partido que non nos gustaría xogar a ninguén, pero é un partido importante e temos que saber levalo como uno máis dentro da tempada".
Preguntáronlle se o partido de Balaídos é unha final.
"Home, si que é un partido importante, pero unha final tampouco porque queda moito".