Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo tramita unha ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico

Vigo tramita unha ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico

O Concello quere garantir a convivencia entre residentes e visitantes

O procedemento incluirá límites por zonas e edificios

G24.gal 10/07/2025 21:19

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello iniciou a tramitación dunha ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico.

“A Xerencia de Urbanismo xa asinou o decreto para o seu inicio”, explicou Caballero. O alcalde lembrou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa establece que o Concello poderá regular, mediante unha ordenanza, a implantación e intensidade do uso das vivendas e apartamentos turísticos.

Segundo o PXOM, estas vivendas serán recoñecidas como establecementos do sector terciario, polo que “teñen que comportarse como hoteis”. Ademais, a súa localización en edificios residenciais “só será posible” cando teñan unha entrada independente respecto do resto de residentes.

Zonas saturadas e presión sobre os prezos

Caballero explicou que a ordenanza busca garantir a convivencia entre o uso residencial, “tan importante e notable”, e o uso turístico. O Concello detectou un “crecemento moi forte” de vivendas de uso turístico en zonas como o centro urbano, a zona vella, Bouzas, Areal ou O Berbés, o que xera “presión sobre os prezos do alugueiro”.

Por iso, a ordenanza establecerá un procedemento municipal “claro e seguro” para a autorización de vivendas turísticas, determinará as zonas saturadas, as cotas máximas por edificio e a compatibilidade de accesos entre usos turísticos e residenciais.

Caballero asegurou que o Concello aborda esta regulación “coa mellor das vontades”, pero advertiu que “hai algo primordial: non se poden subir os alugueiros á cidadanía”.

O proceso comezará cunha consulta pública, cun prazo de 20 días para recoller suxestións veciñais. Despois elaborarase un estudo de impacto normativo, aprobarase a proposta no pleno e volverá á exposición pública para recibir alegacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade