Vigo acollerá en outubro a EuroOCEAN 2023
É o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e ciencia mariña

Galicia converterase o próximo outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá en Vigo a comunidade científica europea, responsables políticos da Unión Europea e dos estados membros, industria marítima e outras parte interesadas do mar.
O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano.
O lema da conferencia será ‘One Ocean, One Voice’, e buscará acordar as mensaxes clave para a comunidade científica internacional sobre a necesidade de restaurar e salvagardar para as xeracións futuras o bo estado do océano e a sustentabilidade dos servizos que prestan os ecosistemas mariños mediante o fomento da investigación e do coñecemento relevante para este fin.
A Conferencia EuroOCEAN é o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e ciencia mariña.
Esta será a décima edición do evento, forma parte da Axenda da Presidencia española da UE e busca reforzar as sinerxias entre a Misión da Unión Europea para a restauración do océano e as augas continentais ata 2030, a Década das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e outras iniciativas internacionais e europeas de investigación e innovación.
European Marine Board organiza esta xornada en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e a Comisión Europea.